A plataforma MooVi conta cun sistema de mensaxería interna que permite a comunicación directa entre usuarios/as sen saír da plataforma. Estas mensaxes envíanse de xeito inmediato e gárdanse no caixón da mensaxería.

Para enviar unha mensaxe, accede a túa materia e vai á pestana «Participantes». Podes enviar unha mensaxe a un usuario/a concreto, a varios ou a todos/as. Marca o cadro branco superior para seleccionar a todos os usuarios/as ou escolle individualmente os participantes cos que desexas comunicarte. Feito isto, na parte inferior, no menú despregable «Cos usuarios seleccionados...», elixe «enviar unha mensaxe»:


IMPORTANTE: comproba que entre os participantes non haxa usuarios/as co estado “inactivo”. Se os hai, non os selecciones, xa que isto pode provocar un erro no envío da mensaxe.

Tamén se queres comunicarte cunha única persoa, podes buscar o seu nome na listaxe de participantes, premer no seu nome e desde o seu perfil tes a opción de mensaxe:

IMPORTANTE: só recibirán un aviso no seu correo electrónico aqueles estudantes que non estean conectados nese momento á plataforma e que teñan activadas nas súas preferencias as notificacións por correo para as mensaxes internas. Lembra que, como remitente, non recibirás unha copia da mensaxe no teu correo electrónico.

Espazo persoal de mensaxería

Podes acceder ao caixón da mensaxería desde o menú superior dereito (icona de mensaxes 💬), que amosa un aviso co número de mensaxes sen ler en vermello, premendo nel permite acceder ás conversas: 


Na icona de axustes podes restrinxir quen pode enviarche mensaxes (só o teus contactos ou calquera nos teus cursos) e se queres ou non activar as preferencias de notificación por correo-e: 



Desde a mensaxería podes acceder á listaxe de contactos, ver as mensaxes recibidas e enviadas, enviar novas mensaxes, destacar unha conversa, realizar unha busca de usuarios etc.

No caixón da mensaxería hai tres tipos de mensaxes:

  • Destacados: aparecen as conversas que foron previamente destacadas.
  • Grupo: só está habilitada cando o profesorado creou grupos nun espazo e habilitou as conversas grupais.
  • Privado: mensaxes persoais.

En «Contactos» podes ter engadidos os usuarios/as cos que manteñas unha comunicación máis frecuente. As solicitudes de contacto visualízanse na lapela de «Solicitudes»:


As solicitudes de contacto poden aceptarse (e deste xeito esa persoa engádese aos contactos) ou declinarse:



Cando estamos nunha determinada conversa, aparecen tres puntos na parte superior dereita: 

A través destas opcións podes:
  • Consultar a información do usuario ou grupo desa conversa.
  • Destacar a conversa.
  • Bloquear usuario.
  • Silenciar a conversa (non recibirás notificacións, aínda que as teñas activadas).
  • Eliminar toda a conversa.
  • Engadir ou eliminar persoas da túa lista de contactos.

🔔 Notificacións: as mensaxes poden chegar ao correo electrónico, segundo as preferencias de notificación configuradas. Para configurar as túas notificacións, accede a MooVi e preme na icona do teu perfil (arriba á dereita) e vai a «Preferencias» (máis info na FAQ "Como podo configurar as notificacións e mensaxes que recibo en MooVi?").

IMPORTANTE: a mensaxería é útil para comunicacións individuais ou puntuais. Para avisos xerais, recoméndase empregar o foro de avisos.