Uso de Safe Exam Browser (SEB) nos cuestionarios de MooVi
Que é o Safe Exam Browser (SEB)?
O Safe Exam Browser (SEB) é un software que permite restrinxir o uso do equipo durante a realización de cuestionarios, impedindo acceder a outras aplicacións, páxinas web ou recursos do sistema. Moodle ten unha integración directa co SEB que permite activalo dentro dos propios cuestionarios.
Podes consultar a Guía de creación de cuestionarios en MooVi para temas de configuración.
É obrigatorio empregar SEB nos cuestionarios?
Non. O uso de SEB é opcional e debe valorarse en función do contexto da materia, das condicións técnicas e do tipo de avaliación.
Recoméndase empregar SEB en calquera situación?
Non. O uso de SEB debe facerse con cautela, xa que implica requisitos técnicos e pode xerar incidencias nos equipos do alumnado.
O seu uso é máis axeitado en:
- Aulas informáticas das facultades ou escolas.
- Equipos configurados previamente por persoal técnico.
É recomendable que o alumnado instale SEB nos seus equipos persoais?
Non se recomenda. A instalación e uso de SEB en equipos persoais pode provocar:
- Problemas de compatibilidade segundo o sistema operativo e versión.
- Incidencias durante o exame (bloqueos, peches inesperados, erros de configuración).
- Limitacións na eficacia do control da contorna, xa que SEB actúa unicamente sobre o equipo no que se executa e non pode impedir o uso de recursos externos (outros dispositivos ou solucións adicionais), polo que non garante un control absoluto da actividade do alumnado.
Que soporte técnico existe para SEB?
O soporte técnico relacionado con SEB é moi limitado. Desde soporte do campus virtual MooVi non é posible asumir nin xestionar as incidencias derivadas do uso de SEB, especialmente cando estas afectan a:
- Equipos persoais do alumnado.
- Problemas de instalación ou configuración do software.
- Fallos durante a realización do cuestionario asociados ao dispositivo ou ao sistema operativo.
En particular, non se pode garantir:
- Asistencia individualizada durante a realización de exames.
- Resolución de incidencias en tempo real.
- Soporte para a diversidade de configuracións de dispositivos persoais.
Que se debe ter en conta antes de usar SEB nun cuestionario?
Antes de activar SEB, recoméndase:
- Avaliar se o seu uso é realmente necesario.
- Informar claramente ao alumnado das condicións e requisitos técnicos.
- Realizar probas previas (cuestionarios de práctica).
- Definir un plan alternativo en caso de incidencia.
Que ocorre se hai incidencias durante o exame con SEB?
Dado que o soporte técnico é limitado e non se prestará asistencia sobre incidencias relacionadas con SEB, especialmente en equipos persoais:
- O profesorado debe prever e comunicar previamente como se xestionarán estas situacións.
- Recoméndase establecer criterios claros (repetición da proba, alternativa de avaliación etc.).
- A responsabilidade sobre a xestión destas incidencias recae na organización da avaliación.
Recomendación xeral
O uso de SEB pode ser útil en contextos controlados, pero non se considera unha solución universal nin libre de incidencias.
Recoméndase priorizar deseños de avaliación robustos que non dependan exclusivamente de restricións técnicas e ter en conta as limitacións de soporte existentes.