MooVi ofrece diferentes ferramentas para que o profesorado poida facer un seguimento da participación e actividade do alumnado nas materias.

A través dos «Informes» do curso, o profesorado pode observar a actividade do alumnado:


Rexistros

Permiten consultar con detalle todas as accións realizadas polo alumnado dentro do curso, sendo especialmente útiles para facer un seguimento individualizado do seu percorrido polos diferentes recursos e actividades.

Mediante os filtros dispoñibles (grupo, participante, día, tipo de actividade, acción realizada, recurso etc.), é posible localizar información concreta sobre:

  • Que estudante accedeu a que recurso ou actividade.
  • Cando o fixo e desde que dirección IP.
  • Que accións realizou (visualización, envío, edición etc.).
Os rexistros pódense exportar a distintos formatos para analizalos con máis detalle ou gardalos como evidencia:


Rexistros activos

Mostran os rexistros en tempo real da última hora de actividade no curso. Este informe actualízase automaticamente cada 60 segundos.

Actividade do curso

Amosa o  número de visitas que recibe cada recurso ou actividade, así como a data do último acceso. Permite aplicar filtros por períodos de tempo:



Participación no curso

Permite consultar o número de interaccións do alumnado nas actividades do curso, ofrecendo opcións de filtrado por actividade, período de tempo, rol e tipo de acción.

Unha vez xerado o informe, pódense seleccionar usuarios/as para enviarlles unha mensaxe directamente desde esta mesma pantalla:


Completado da actividade (se está activada)

O informe de completado da actividade permite consultar o progreso do alumnado dentro dunha materia, indicando que actividades e recursos ten completados cada estudante.

Neste informe só aparecen aquelas actividades que figuran como finalizadas, tanto se a finalización é automática (segundo as condicións configuradas na actividade ou recurso) como se foi marcada manualmente polo profesorado.

Na parte superior inclúense distintos filtros para axustar a visualización dos datos. 

A información preséntase en forma de táboa, mostrando para cada estudante as actividades que ten completadas dentro da materia:


Desde este informe, o profesorado pode modificar manualmente a finalización dunha actividade premendo na cela correspondente. Esta acción require confirmación e, unha vez realizada, a modificación aparecerá sinalada en vermello no informe. Este cambio será visible tamén para o estudante dentro da materia.

IMPORTANTE: para que as actividades ou recursos aparezan neste informe, é imprescindible que teñan activadas as condicións de finalización na súa configuración. Se unha actividade non ten definida ningunha condición de finalización (nin automática nin manual), non se mostrará no informe de progreso.

Gráfico de cualificacións

Permite visualizar a distribución gráfica das cualificacións do curso. Este informe tamén ofrece opcións de filtrado por grupo.

Completado de curso

A finalización do curso permite determinar cando unha materia se considera completada por parte do alumnado, en función dos criterios definidos polo profesorado. Esta funcionalidade é especialmente útil para facer seguimento do progreso global, emitir informes ou comprobar se un estudante cumpre os requisitos mínimos da materia. 

Para empregar esta opción, é necesario activala previamente nos «Axustes» do curso, habilitando o seguimento de completado:


Unha vez activado, poderanse definir as condicións para que o curso se marque como finalizado:


Estas condicións poden basearse, por exemplo, na finalización de determinadas actividades ou recursos, ou nunha combinación de varios criterios. O estado de finalización do curso poderá consultarse posteriormente nos informes de finalización, tanto por parte do profesorado como do alumnado, sempre que se cumpran as condicións establecidas. 

IMPORTANTE: para que a finalización do curso funcione correctamente, deben existir actividades ou recursos con condicións de finalización activadas dentro da materia. Se ningún elemento cumpre este requisito, o curso non poderá marcarse como completado.