Como podo facer o seguimento da actividade do meu alumnado en MooVi?
MooVi ofrece diferentes ferramentas para que o profesorado poida facer un seguimento da participación e actividade do alumnado nas materias.
A través dos «Informes» do curso, o profesorado pode observar a actividade do alumnado:

Rexistros
Permite consultar con detalle as accións que realiza cada estudante dentro do curso. Pódese empregar para facer un seguimento individualizado do seu percorrido polas distintas actividades e recursos da materia.
A través dos filtros dispoñibles (grupo, participante, día, tipo de actividade, acción realizada, recurso etc.), podes localizar información concreta sobre:
- Que estudante accedeu a que recurso ou actividade.
- Cando o fixo e desde que dirección IP.
- Que accións realizou (visualización, envío, edición, etc.).

Rexistros activos
Amosa os rexistros en vivo da última hora, actualízase cada 60 segundos.Actividade do curso
Amosa o número de visitas que recibe cada un dos recursos ou actividades do curso e cando foi o último acceso. Podes filtrar os resultados nun prazo de tempo determinado:

Participación no curso
Amosa o número de accións nas actividades do curso, permitindo filtrar por actividade, periodo de tempo, rol dos usuarios/as e acción realizada. Unha vez amosado o informe de participación, permite marcar marcar usuarios/as para enviarlles unha mensaxe:

Finalización de actividades (se está activada)
O informe de finalización da actividade permite consultar o progreso do alumnado dentro dunha materia, amosando que actividades e recursos ten completados cada estudante.
Neste informe reflíctense unicamente aquelas actividades que figuran como finalizadas, tanto se a finalización é automática (segundo as condicións configuradas na actividade ou recurso) como se foi marcada manualmente polo profesorado.
Na parte superior do informe dispós de distintos filtros que che permiten axustar a visualización da información.
O informe preséntase en forma de táboa, na que se indica, para cada estudante, que actividades ten marcadas como finalizadas dentro da asignatura.
Desde esta táboa, o profesorado pode tamén modificar manualmente a finalización dunha actividade, premendo sobre a cela correspondente. Esta acción require confirmación mediante unha mensaxe na pantalla. Unha vez confirmada, a finalización aparecerá sinalada en vermello no informe. Este cambio será visible tamén para o estudante dentro da materia.
Gráfico de cualificacións
Para obter a distribución gráfica das cualificacións no curso. Permite filtrar por grupos.
Completado de curso
A finalización do curso permite establecer cando unha materia se considera completada por parte do alumnado, en función dos criterios definidos polo profesorado. Esta funcionalidade é especialmente útil para facer seguimento do progreso global, emitir informes ou comprobar se un estudante cumpre os requisitos mínimos da materia.
Para poder utilizar a finalización do curso, é necesario configurala previamente nos «Axustes» da materia. En concreto, cómpre activar o seguimento de completado:

Unha vez activado o seguimento de completado no curso, poderás definir as condicións necesarias para que o curso se marque como finalizado:

Estas condicións poden basearse, por exemplo, na finalización de determinadas actividades ou recursos, ou nunha combinación de varios criterios. O estado de finalización do curso poderá consultarse posteriormente nos informes de finalización, tanto por parte do profesorado como do alumnado, sempre que se cumpran as condicións establecidas.