Como usar o libro de cualificacións para calcular notas finais?
O libro de cualificacións de Moodle é a ferramenta que permite ao profesorado consultar, organizar e calcular automaticamente as cualificacións do alumnado ao longo do curso, así como obter a nota final da materia a partir das actividades avaliables.
Como acceder ao libro de cualificacións?
Todas as cualificacións dun curso xestiónanse desde o libro de cualificacións. Para acceder, entra no curso e preme na opción «Cualificacións» do menú superior:

Desde esta sección pódese visualizar o informe do cualificador, que amosa nunha táboa as notas de cada estudante en todas as actividades avaliables e a cualificación final do curso.
Como se incorporan as cualificacións ao libro?
Cada vez que se crea unha actividade (tarefas, probas, foros etc.) na materia, Moodle engade automaticamente unha nova columna no libro de cualificacións. Cando o profesorado cualifica esa actividade, a nota trasládase de forma automática ao libro.
Tamén é posible engadir ou editar directamente as cualificacións desde o propio libro activando o modo de edición (na parte superior dereita):

Co modo edición activado, podes:
- introducir as notas dun ítem ou actividade directamente desde o libro.
- modificar a cualificación manualmente (despois de facer unha modificación debes premer no botón "gardar os cambios", situado na parte inferior dereita). Ao modificar unha nota deste xeito, amósase a icona de Anuladas que indica que a cualificación fíxose a través do libro e non a través da cualificación da actividade correspondente:

Axustes do libro de cualificacións
Desde os axustes é posible organizar e administrar todos os elementos que interveñen na avaliación da materia, tanto as categorías como as distintas actividades cualificables. O acceso realízase entrando en «Cualificacións» e escollendo a opción correspondente no menú despregable:

A información preséntase nunha vista en forma de listaxe, na que cada categoría e cada elemento de avaliación aparecen identificados en liñas independentes.
Na parte superior dereita, hai un despregable de «Engadir» coas opcións "Engadir un elemento de cualificación" e "Engadir categoría":

Un elemento de cualificación é unha entrada individual no libro de cualificacións que representa unha nota avaliable. Pode estar vinculada a unha actividade do curso (como unha tarefa ou unha proba) ou ben ser un ítem creado directamente no libro, cando se precisa avaliar un aspecto que non existe como actividade visible no curso.
Un exemplo de creación manual dun elemento de cualificación sería no caso dunha materia na que o profesorado decide valorar a participación nas sesións presenciais. Como esta avaliación non se realiza mediante unha actividade concreta en MooVi, créase manualmente un ítem de cualificación específico no libro. Neste ítem introdúcense manualmente as notas de cada estudante e a puntuación resultante intégrase no cálculo da nota final xunto co resto das actividades avaliables do curso.
No caso da categoría de cualificación é un contedor que serve para agrupar varios ítems de cualificación no libro de cualificacións. As categorías permiten organizar mellor o sistema de avaliación e establecer como se combinan as notas dos distintos ítems (por exemplo, mediante medias ou ponderacións) antes de contribuír ao cálculo da nota final do curso. As categorías poden incluír tanto ítems asociados a actividades do curso como ítems creados manualmente no libro de cualificacións, e tamén poden conter subcategorías. Por defecto, sempre hai unha categoría creada que é a do propio curso.
Un exemplo sería nunha materia na que se crean dúas categorías, unha para “convocatoria ordinaria”, que agrupa varias actividades e un ítem de participación na aula creado directamente no libro de cualificacións e outra para "convocatoria extraordinaria" que inclúe unha única actividade:

Como se calcula a nota final?
O cálculo total establece como os elementos e categorías se combinan para calcular a cualificación final.
Por defecto, en cada curso, se non se crean novas categorías ou se modifica a que vén por defecto, para calcular a nota final da materia está seleccionado o método de agregación suma de cualificacións, é dicir, a suma de todas as cualificacións do curso. Pero isto pode modificarse desde os axustes. Por exemplo, para modificar o método de agregación da categoría principal da materia, desde os axustes, habería que "editar categoría":

Hai varios métodos de agregación para escoller:

Os máis usados son:
- Media ponderada de cualificacións, cada elemento de cualificación ten un peso que o profesor/a define no cadro de ponderacións. Permite asignar un peso diferente a cada ítem ou categoría segundo a súa importancia:

- Media ponderada simple de cualificacións, o peso de cada actividade vén determinado pola súa nota máxima. É dicir, as actividades cunha puntuación máxima máis alta inflúen máis no cálculo final. Estes pesos establécense automaticamente en función da configuración de cada actividade,
- Media de cualificacións, todas as actividades valen o mesmo, o valor total do curso repártese entre elas.